Inauguración da exposición de José Antonio Pedrosa.

O Museo Torres celebrou o Día Internacional dos Museos inaugurando a exposición deste artista, que estivo acompañado polo comisario da mostra, Antón Sobral, e a alcaldesa de Marín, María Ramallo.

O Museo Manuel Torres acolleu hoxe a inauguración da exposición antolóxica de José Antonio Pedrosa, distinguido como Artista Marinense do Ano 2026, nun acto que reuniu a numeroso público e no que participaron o propio artista, a alcaldesa de Marín, María Ramallo, e o coordinador da mostra, Antón Sobral.

A exposición, composta por 40 obras seleccionadas polo propio Pedrosa da súa colección privada, supón o regreso do artista ás salas expositivas da súa vila despois de máis dunha década sen realizar unha mostra en Marín. Durante o acto, Antón Sobral definiu a Pedrosa como “un artista imprescindible e fundamental na historia da arte marinense”, destacando ademais a singularidade dunha obra marcada “pola delicadeza da espátula” e por unha pintura “rebosante de colorido”, na que o artista “busca a verdade a través da beleza”. Sobral asegurou tamén que a mostra “deixará unha profunda e grata impresión” entre todas as persoas que a visiten, que poderán facelo ata o 17 de xuño.

Pola súa banda, María Ramallo reivindicou a figura de Pedrosa como “un dos nosos grandes artistas”, sinalando que esta homenaxe “serve para saldar unha débeda” cun creador que forma parte da memoria cultural de Marín. A alcaldesa destacou ademais o valor emocional e patrimonial da exposición, composta por pezas da colección persoal do artista que “durante un mes pasan a ser un patrimonio colectivo de incalculable valor”.

A mostra percorre diferentes etapas creativas de Pedrosa, cunha presenza destacada das súas escenas femininas, paisaxes e atmosferas vinculadas á Galicia rural, nas que a choiva, o vento e a néboa conforman unha identidade plástica absolutamente recoñecible. A técnica da espátula, convertida nun dos sinais distintivos do artista, ocupa un lugar central nesta exposición antolóxica.

Ao remate do acto, o público puido percorrer as salas do Museo Manuel Torres, nunha inauguración marcada pola emoción e o reencontro. “Pedrosa é unha rara avis. Un home no que conviven dous mundos, o artístico e o espiritual, sen que poida ter claro cal dos dous ten máis peso. Seguramente, dese maridaxe inusual resulte gran parte do seu talento. Chegou antes a vocación de pintor que a de relixioso, pero seguramente ambas latían con forza nun corazon enorme, que compartiu co pobo de Marín ao longo de toda a sua traxectoria”, pode lerse no texto da alcaldesa que se recolle no catálogo entregado a todas as persoas asistentes.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *