A obra sustitúe as actuais escaleiras de acceso ao camposanto e evita a presenza do coche fúnebre no medio da estrada
O Concello de Vilaboa destinará 24.923 euros a mellorar a seguridade tanto dos peóns como do tráfico no entorno do cemiterio de Santo Adrián de Cobres xa que a situación actual da estrada que une Vilaboa coa AP9 Ponte de Rande supón un grave risco cada vez que se celebra un enterramento. “A pesar de que sempre hai un despregamento policial e de protección civil, o vehículo funerario ten que deterse no carril dereito da calzada da estrada para poder trasladar o cadaleito e posteriormente seren desprazado ata o interior do cemiterio, coa conseguinte conxestión e falla de seguridade na estrada”, explica César Poza, alcalde de Vilaboa.
A actuación prevista substituirá a escaleira existente por outra de menor desenvolvemento, facendo posible estender unha pequena área peonil á que poida acceder o vehículo funerario cando sexa necesario, de modo que este non teña que permanecer na estrada nos enterramentos. A regulación do acceso realizarase
mediante pilonas telescópicas retráctiles que unicamente serán abertas previa autorización municipal expresa e para os vehículos funerarios e de mantemento propios do cemiterio.
A obra prevista, que conta cun prazo de execución de dous meses e será financiada íntegramente pola Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos, inclúe a demolición do último treito da escaleira dereita, así como da área precisa de beirarrúa; a construción de escaleira mediante forxado inclinado de formigón armado e peldañeado con baldosa de pedra natural de granito; colocación de elementos de remate na beirarrúa actual; a instalación de revestimento de frontes de escaleira e muros de contención mediante perfilería de plástico; instalación de 5 bolardos de aceiro inoxidable extraíbles, bloqueables mediante chave, así como elementos lineais de defensa en pedra; pavimentación de área peonil e plantación de cinco exemplares de ciprés común.