O goberno de César Poza comezará a restauración da antiga unitaria garantindo a accesibilidade universal e a eliminación de barreiras arquitectónica
A Deputación de Pontevedra aprobou este venres o proxecto presentado polo Concello de Vilaboa ao PON2030 dotado cunha subvención de 490.446 euros para a restauración integral da antiga escola unitaria de O Picho, que no pasado acolleu tamén as oficinas da escola- obradoiro de emprego.
A subvención provincial cubre o 80% dos 625.658 euros de coste total do investimento, aportando o Concello con fondos propios a cantidade restante para converter a edificación nun centro social e de maiores. Trátase dun edificio de dúas plantas situado nunha parcela de titularidade municipal cunha superficie de 863 metros cadrados no que se encontra tamén outra edificación auxiliar; todo elo en mal estado de conservación debido ao desuso e que agora será recuperado polo goberno de César Poza para converter ese entorno nun centro social para os maiores e Centro de Día.
Trátase dunha ambiciosa obra que transformará a edificación existente acondicionandoa para que sexa usada por persoas maiores, acometendo os cambios interiores necesarios para garantir a accesibilidade universal e a eliminación de barreiras arquitectónicas. A actuación contempla tamén o acondicionamento de espazos exteriores como xardíns e zona de esparcemento ao aire libre.
O alcalde de Vilaboa, César Poza, leva tempo traballando neste proxecto dado que prestará servizo esencial en Vilaboa tendo en conta o índice de envellecemento da poboación no municipio, tanto para que as persoas maiores teñan en Vilaboa unhas instalacións axeitas que cubran as súas necesidades asistencias como para que as súas familias teñan un centro de día como alternativa para os coidados dos e das maiores que lles facilitará a conciliación.