A agrupación agradece “infinitamente” o apoio veciñal para afrontar un goberno forte, sen ataduras que permita que Vilaboa medre
Os resultados electorais da pasado noite converten ao equipo liderado por César Poza na primeira candidatura socialista da democracia en conseguir unha maioria absoluta para Vilaboa grazas ao 48,28% dos votos emitidos fronte ao 35,52% da segunda forza máis votada.
Tanto César Poza como a agrupación socialista agradecen sinceiramente o apoio dos veciños e veciños de todas as parroquias de Vilaboa, xa que exceptuando un empate técnico en Figueirido, en todas as mesas o electorado se decantou maioritariamente pola candidatura socialista. “Agradecemos infinitamente á cidadanía que nos dese esta confianza, esta forza suficiente para gobernar sen ataduras. Nunca a agrupación socialista en Vilaboa tivera unha maioría absoluta en 24 anos de goberno liderado polo PSdeG-PSOE e en 28 anos de gobernos de esquerdas”, apuntan desde a formación.
O respaldo da xente fora xa detectado durante a campaña, que os socialistas de Vilaboa centraron nun porta a porta para achegar as propostas directamente a cada veciño, un traballo árduo e gratificante a partes iguais. “Está claro que as veciñas e veciños entenderon que esta é unha candidatura forte, moi forte; un equipo honesto e que prometeu actuacións realizables, sen facer castelos no aire; e que gustou o noso modelo de campaña en positivo, con propostas; sen entrar na descalificación nin no insulto e sen responder ás provocacións da dereita, que tratou ata o día das eleccións de facer trampa e de embarrar o campo de xogo, poñendo en dúbida a honestidade dos e das socialistas de Vilaboa”.
A agrupación socialista agradece tamén publicamente ao BNG que fixera unha campaña tamén em positivo “limpa e honesta, sen descalificacións, magoa que a cidadanía non apreciou o suficiente ese esforzo, e así llo trasladamos na noite electoral à formación”.
Comeza por tanto para o equipo de César Poza unha nova etapa na que “imos seguir traballando como ata agora, falando coa xente e facendo realidade o proxecto que temos para que Vilaboa medre e poida ter máis servizos, contando sempre coas persoas como eixo principal da nosa acción de goberno. Sabemos que teremos ao PP poñendo paus nas rodas para que Vilaboa non avance, como ata agora o viñeron facendo, pero a maioría absoluta danos a forza necesaria para superar todas as dificultades que nos poñan por diante”.
E desde Vilaboa, a agrupación socialista manda unha mensaxe de advertencia ao PP a nivel xeral. “Sería bo que máis alá da euforia do primeiro momento o Partido Popular lea ben os resultados en Galicia porque non lles son tan beneficiosos como aparentan”, e indican que traballarán, xunto co resto de compañeiros e compañeiras da provincia para que os grandes avances conseguidos nestes 8 anos de goberno da Deputación de Pontevedra non se deroguen.