O 112 Galicia rexistrou esta noite un lume que afectou á parte superior dunha vivenda no lugar de Castrelo, en Bueu. Afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais.
Un particular comunicou os feitos ao 112 pasadas as 23:45 horas, polo que desde o CIAE solicitouse a colaboración dos Bombeiros do Morrazo, da Garda Civil e da Policía Local de Bueu.
A continuación, e unha vez apagadas as lapas, os Bombeiros fixeron balance dos desperfectos: o lume produciuse na parte superior da vivenda. Propagárase a través da cheminea e ardeu parte do teito, véndose afectadas algunhas das vigas da cuberta.