Tres persoas resultaron afectadas, esta mañá, polo fume dun incendio orixinado nun domicilio do lugar de Paredes, en Vilaboa.
Pasadas as 12:00 horas, un particular chamou ao 112 Galicia para solicitar axuda xa que ardía o teito de madeira dunha vivenda. Na mesma chamada, a persoa afirmaba que non había ninguén no interior da casa.
De contado, desde o CIAE-112 Galicia indicóuselle a información aos Bombeiros do Morrazo e de Pontevedra, ao persoal sanitario, á Garda Civil e aos membros de Protección Civil do concello.
Unha vez sufocado o lume no lugar, os Bombeiros confirmaron que o lume afectara ao teito dun corredor da vivenda. Ademais, pola súa banda, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia – 061 indicáronlle ao 112 que atenderon a dúas persoas no punto por inhalación de fume e que unha terceira foi evacuada ao Hospital de Montecelo.
Todo parece indicar que o motivo do lume foi un cortocircuito.
