A Consellería do Mar aproba o financiamento para os sete proxectos asesorados polo GALP Ría de Vigo – A Guarda

A Consellería do Mar vén de resolver a segunda convocatoria de axudas do ano 2021, pola que se aproban as subvencións para sete proxectos asesorados polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Ría de Vigo – A Guarda e pertencentes aos municipios de Cangas, Vilaboa, Vigo, Baiona e A Guarda.

O GALP Ría de Vigo-A Guarda promove o desenvolvemento de proxectos e actuacións destinados a conseguir un desenvolvemento equilibrado, sostible e integrador da súa zona marítima de influencia para beneficio do conxunto da poboación, fornecendo a presenza do sector pesqueiro en termos económicos e de emprego, respectando e preservando o medio natural e o patrimonio cultural e cunha participación real e efectiva de axentes e poboación do territorio.

A contía das axudas supera os 400.000 euros e supoñen entre o 90% e o 100% do financiamento dos proxectos non produtivos e entre 40% e o 50% dos produtivos.

Nos proxectos non produtivos sitúanse iniciativas como a do Concello de Vilaboa que busca rehabilitar, acondicionar e poñer en valor o Forno do Cal e a súa contorna en Punta Travesada; ou a da Confraría de Pescadores San Xosé de Cangas, centrada na revalorización dos produtos que extraen as embarcación que comercializan estas capturas a través da lonxa de Cangas. A Confraría de pescadores San Francisco de Vigo aposta tamén por novos proxectos como este no que traballarán por mellorar a gobernanza dos recursos pesqueiros, marítimos e sociais, mediante o estímulo á participación dos seus membros nos órganos de goberno. Pola súa banda, a Asociación San Xerome Emiliani, na Guarda,centra a súa iniciativa no fomento da empregabilidade e a inclusión sociolaboral de persoas mozas con discapacidade a través da formación e a capacitación en proxectos de economía circular como a reparación de envases plásticos, utilización destes envases para a recollida de residuos, utilización de refugallos para mobiliario portuario ou filamento para impresoras 3D.

No tocante aos proxectos produtivos, atopamos o de Gandón, S.A., en Cangas, que busca mellorar as condicións de seguridade e sostibilidade desta empresa armadora co obxectivo de mellorar a produtividade, reducir os desprazamentos e facer unha aposta pola economía circular. Como iniciativa vinculada ao ámbito turístico, está a de Diferent Charter Galicia S.A., en Baiona, que quere instalar un barco charter no porto de Baiona para a realización de rutas turísticas pola ría. E por último, H.Q. Seaweed, en Vigo,continúa a impulsar as súas algas deshidratadas cun proxecto innovador que poña en valor os produtos do mar.

Agora, os promotores dos proxectos contarán cuns días para decidir se aceptan as axudas e emprenden a posta en marcha das súas iniciativas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *