Logo dos rogos formulados no Pleno da Corporación Municipal do pasado mes de xuño en relación á rede semafórica de Bueu, o concelleiro Suso Piedras reiterou hoxe a necesidade de que o Concello de Bueu e a Xunta de Galicia revisen a totalidade da rede semafórica da vila, posto que “algunhas das luces indicadoras son moi inapreciables durante o día”. Así, puxo como mostra o caso dos semáforos da intersección da Avenida de Marín coa Rúa Pazos Fontenla, nos que só funciona a luz vermella, polo que solicitou que “o Concello se poña en contacto coa Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) para pedir a súa revisión e reparación”.
“É un grave perigo para a seguridade de condutores e viandantes que nun cruce tan transitado coma ese, que é unha das portas de entrada á nosa vila, haxa un semáforo avariado”, o que, ao seu ver, “fai necesario tomar as medidas necesarias para garantir o seu correcto funcionamento”, apuntou.
Ademais, o popular reiterou o que xa é, ao seu ver, “un tema recurrente neste concello”, como é o deterioro dos espazos públicos por culpa do crecemento das malas herbas. “Neste momento, por exemplo, as beirarrúas do Polígono Industrial de Castiñeiras son totalmente intransitables, con máis de 80 centímetros de alto”, asegurou. “A realidade é que este non é un feito excepcional, senón que xa leva ocorrendo anos en todo o rural bueués, e aínda que desde comezos do mandato xa solicitamos os desbroces necesarios, parece que no goberno local están máis centrados noutras cousas que nas necesidades reais e do día a día dos veciños”, cuestionou Piedras.
Dese xeito, Piedras acusou o goberno local “de deixar que as parroquias estean a monte, sen prestar uns servizos mínimos que a súa veciñanza demanda”, criticando que “para o alcalde de Bueu parece que existen veciños de primeira e veciños de terceira”. “É inxustificable que non teñamos un mantemento acorde coas necesidades da vila que se desenvolva de xeito racional e planificado”, o que para o concelleiro demostra “o grande erro que foi que Félix Juncal retivese para si mesmo as competencias en obras e servizos en vez de delegar nunha persoa que poida estar ao 100% para Bueu”. “Os case 12.000 veciños e veciñas de Bueu pagan os seus impostos, e polo tanto merecen o mesmo trato e un mantemento digno dos seus espazos por parte do goberno de Félix Juncal”, concluíu.