Félix Juncal, alcalde de Bueu, participou este mércores, 6 de abril, nunha ruta promovida polo Centro de Saúde da vila con motivo do Día Internacional da Actividade Física.
Organizada no marco dunha campaña para dar a coñecer a importancia física na promoción da saúde, e baixo o lema de “Movémonos!”, a camiñada arrancou ás 9.30 horas da mañá dende o Centro de Saúde, e percorreu as rúas do casco urbano, a zona de Pescadoira e o peirao, ida e volta.
Nesta iniciativa participaron arredor dunha decena de persoas que queren seguir a receita para gozar de boa saúde, que inclúe alimentación saudable e práctica de actividade física.
O rexedor aproveitou a ocasión para lembrar o compromiso do Concello de Bueu coa saúde e o deporte, tal e como se demostra co programa “Bueu Concello Saudable”, no que se imparten ximnasias gratuítas a moitas persoas nas tres parroquias, así como charlas sobre diversas temáticas. A iso habería que engadir a piscina municipal das Lagoas que funciona dende hai un ano e que se erixe coma unha gran instalación de promoción do deporte e da saúde.