A líder popular acolleu con incredulidade que “se gasten 600 euros de todos os bueueses nun informe dunha empresa amiga que di que non se pode informar”
A voceira do Partido Popular, Elena Estévez, cuestionou esta semana o que, ao seu ver, é “unha nova saída de ton” do executivo bipartito BNG-ACB: o pago de 600 euros por un informe que contén menos de tres caras de folio de texto e unhas fotos. É é que para Estévez este feito constitúe “unha mostra máis de despilfarro de cartos públicos aos que Félix Juncal e os seus nos teñen acostumados”.
Ademais, tal e como indicou a voceira, o máis sorprendente e que se lle pida a unha empresa amiga que faga unha avaliación “de incógnito” –así consta no informe–, sen informar a concesionaria e sen poder acceder á parte interior das infraestruturas por non ter chaves, o que supón “un absurdo completo, xa que o informe carece de información fundamental, polo que vai haber que volver pagar por outro informe porque este se fixo de forma chapuceira por petición do goberno”.
“A raíz destas cuestións, requiríusenos para avaliar inicialmente de incógnito, sen presenza da propia concesionaria as infraestruturas dos bombeos máis conflitivos
[…]” “Debido á dificultade de comprobar o cadro eléctrico por estar pechado […]”
“Para unha verificación máis eficaz requírese de contar coas chaves dos cadros eléctricos […]”. Así, Estévez puxo o foco sobre o absurdo de que a parte informante diga que “se pode requirir á concesionaria para que facilite as chaves” –así consta no informe–, pero que “pola cabezonería do alcalde acaben de malgastarse 600 euros que se podían destinar a outras cousas das que Bueu anda moi falto”.
En consecuencia, Estévez remarcou que “é necesario que o alcalde e o seu equipo aprendan dunha vez a xestionar fondos públicos, á vista de que despois de anos e anos de desgoberno seguen tirando cos cartos cada día que pasa, tal e como xa vimos con multas, sancións e demais froito da falta de rigor no público”.