O envorco dunha embarcación na costa de Moaña, na zona próxima a O Con, deixa dúas personas rescatadas. Varios barcos de pesca achegáronse ata o lugar do accidente e conseguiron rescatar ás dúas persoas implicadas en bo estado de saúde.
Un traballador do porto chamou ao 112 Galicia contra as 13:20 horas, para informar de que había unha embarcación afundíndose nas proximidades da costa de Tirán, en Moaña. Dúas persoas permanecían sobre o casco. Ao mesmo tempo, algúns barcos de pesca que navegaban pola zona trataban de rescatalas.
Inmediatamente, os xestores do 112 alertaron ao persoal de Salvamento Marítimo, ao Servizo de Gardacostas de Galicia e aos axentes da Garda Civil e da Policía Local de Moaña, así como aos membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil municipal.
Pasadas as 13:45 horas, desde Salvamento Marítimo explicaron que chegaran a mobilizar unha das súas embarcacións de rescate, aínda que os implicados foron recollidos polos pesqueiros que acudiran nun primeiro momento. Ademais, indicaron que as persoas accidentadas se atopaban en bo estado.