O delegado territorial co alcalde, a portavoz do PP en Bueu e os técnicos visitando a senda da Portela.

Dotouse ao vial dun paseo seguro de ata 2,50 metros de anchura cun bordo de formigón elevado para separalo da calzada

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, remata a construción dunha senda peonil e ciclista de case dous quilómetros de lonxitude no treito Trasouto-Alto da Portela da estrada autonómica PO-551 ao seu paso polo Concello de Bueu.

Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo alcalde de Bueu, Félix Juncal, e polo xefe territorial de Infraestruturas, José Luis Díez, achegouse ata a zona para supervisar esta actuación para o fomento da mobilidade sostible e da seguridade viaria, que contou cun investimento autonómico de 645.000 euros.

“Dende a Xunta estamos a desenvolver un ambicioso programa de sendas en toda a comunidade para facer máis confortables e seguras as nosas estradas e dita estratexia está a ter unha especial incidencia, con numerosas actuacións, na contorna de Pontevedra que beneficia principalmente á capital e aos concellos de Poio, Marín e Bueu para favorecer a seguridade viaria dos seus case 140.000 habitantes”, detallou o representante autonómico.

A nova senda da PO-551, que é de uso compartido para ciclistas e peóns e se enmarca no Plan de Sendas da Comarca do Morrazo, ten unha lonxitude de 1.835 metros e discorre entre os puntos quilométricos 12+605 e 14+400.

As solucións adoptadas varían segundo as características do terreo nas distintas partes do treito e centráronse na creación dunha senda de entre 1,80 e 2,50 metros de anchura nas zonas de maior amplitude ou a conformación dun paseo seguro cun mínimo de 1,50 metros naqueles lugares cunha beiravía preexistente. En todo caso, e para dotar á infraestrutura de maior seguridade, procedeuse á construción dun bordo de formigón elevado para separar a senda da calzada.

Así mesmo, a actuación complementouse coa ampliación do firme en determinados puntos, a conformación de sistemas de drenaxe e reposición de servizos, o desprazamento da sinalización vertical e a reposición da horizontal e o acondicionamento das zonas de aparcadoiro e paradas de autobús.

Esta actuación enmárcase no Plan de Sendas da comarca do Morrazo, que prevé a execución de itinerarios seguros, sostibles e integrados na paisaxe cun investimento de case 5 M€, cofinanciados con fondos FEDER 2014-2020 para o fomento da mobilidade sustentable.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *