A praia da Banda do Río.

O consistorio presenta ao galardón a candidatura desta praia urbana despois de que se puxese en marcha o socorrismo na pasada tempada estival e tras os bos resultados na calidade das augas dos últimos anos

O Concello de Bueu presenta a candidatura para acadar as Bandeiras Azuis nos areais e tamén nos centros medioambientais de cara á próxima tempada estival. O consistorio aspira a revalidar o galardón que concede cada tempada estival a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) para as praias de Lapamán, Portomaior, Area de Bon e Lagos, e por primeira vez para a urbana da Banda do Río.

Este ano, e por primeira vez, a praia da Banda do Río concorrerá para obter este galardón, o que suporía un fito histórico, sobre todo porque “este areal partía duns niveis altísimos de contaminación, que logramos erradicar grazas ás políticas implementadas na última década por este goberno”, apunta Félix Juncal, alcalde da vila bueuesa. Precisamente, e xa coa vista posta nesta campaña, o Concello puxo en marcha o pasado verán o servizo de socorrismo no areal, e tamén se acaban de instalar uns aseos autolimpables no paseo de María Eugenia, na zona próxima ao lugar e na que tamén está proxectada unha mellora para o fomento da accesibilidade e a inclusión de todas as persoas.

O alcalde salienta que “é un momento ilusionante e a consecución deste distintivo poñería a guinda ao traballo de moitos anos e de moitas persoas”, pois “que poidamos izar unha Bandeira Azul no principal areal urbano de Bueu supoñía no seu momento unha utopía, e cando a consigamos, teremos un soño cumprido”. Juncal lembra que foi no ano 2007 cando se comezou coa renovación das infraestruturas na desembocadura do río, de cara a corrixir e eliminar os importantes verquidos de augas residuais desta praia e que facían que as augas non fosen aptas para o baño debido aos aberrantes niveis de contaminación.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *