Proxecto do aparcadoiro disuasorio de Marín.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do proxecto de trazado para a execución do aparcadoiro disuasorio para o fomento do vehículo compartido no concello de Marín.

A súa publicación hoxe recolle o acordo aprobado na reunión do Consello da Xunta do pasado 23 de febreiro, no que tamén foi aprobado o trámite de información pública deste proxecto. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://acortar.link/BtMQYK

En concreto, o aparcadoiro que se impulsa no municipio de Marín localizarase na contorna do núcleo de Ameal e contará cun investimento de 610.630 euros. Esta actuación, nas inmediacións da Variante de Marín (VG-4.4) e da vía provincial EP-1202, disporá dunha superficie de 3.000 m² e dun total de 82 prazas, 79 en batería e 3 en liña. Tres desas prazas serán para persoas con mobilidade reducida e haberá preinstalación de puntos de recarga para vehículos eléctricos.

As prazas de aparcadoiro terán unhas dimensións de 2,5 por 5 metros, mentres que os carrís de circulación interiores disporán de 4,2 metros de anchura cun só sentido de circulación. Paralelamente, haberá itinerarios peonís de 1,8 metros de anchura para garantir unha mobilidade segura no seu interior, zonas de arborado e alumeado público e, no bordo, as correspondentes beirarrúas.

Ademais, a petición do Concello, o proxecto incorporará a disposición dunha marquesiña para facilitar o acceso e espera das liñas de autobús neste punto.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *