Ante os reiterados incumprimentos, o ente autonómico impuxo unha sanción ao Concello e adianta que autorizará a súa instalación cando o goberno local cumpra coa legalidade
Portos de Galicia autorizará o alumeado de Nadal instalado polo Concello de Cangas en dominio público portuario se o Concello cumpre coa legalidade relativa a este tipo de instalacións. Para dar cumprimento á normativa vixente, explican, a administración local deberá presentar un proxecto técnico que recolla as garantías de seguridade previstas na lexislación.
Deste xeito, Portos de Galicia asegura que cumpre coa súa responsabilidade de velar pola seguridade dos cidadáns ao procurar as garantías necesarias para minimizar os riscos para usuarios e visitantes do porto. Con este obxectivo advertiu en anos anteriores ao Concello de Cangas sobre a necesidade de presentar un proxecto técnico en tempo e forma para todas as instalacións de alumeado festivo; un requisito legal que a administración local ven incumprindo reiteradamente durante os últimos anos, ata en tres ocasiones, poñendo en perigo a seguridade das persoas.
O pasado Nadal, Portos de Galicia advertiu xa ao Concello de Cangas da posibilidade de sanción en caso de novo incumprimento, pese ao que o Concello persistiu no seu incumprimento. De cara a este Nadal, de cumprir o Concello coa legalidade, Portos autorizará a instalación das luminarias.