Os sectores máis afectados pola pandemia do Covid-19 en Cangas, como é o caso da hostalería, entre outros, xa poden solicitar as axudas do Concello. O prazo para facelo xa está activo desde o 17 de agosto e así permanecerá ata o 6 de setembro.
O modelo de solicitude é o modelo oficial que consta nas bases da convocatoria (ANEXO I). No caso de presentarse a través da sede electrónica, cubrirase o modelo de instancia xeral xunto co resto da documentación deixando constancia da participación no proceso de convocatoria de axudas.
As solicitudes de subvención dirixiranse á Sra. Alcaldesa e presentaranse preferentemente por medios electrónicos a través da Sede electrónica do Concello de Cangas https://cangas.sedelectronica.gal/. Este xeito será obrigatorio para aquelas solicitantes que non sexan persoas físicas.
No caso de presentación presencial, as persoas interesadas presentarán a súa solicitude no modelo oficial, acompañada da documentación esixida e debidamente cuberta e asinada, no Rexistro Xeral do Concello de Cangas ou por calquera dos medios indicados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. Neste caso poderá ser precisa a cita previa.
Poderase acceder ás bases íntegras publicadas na sede electrónica do concello
de Cangas.