Os holandeses Jesse Van Ruller e Maarten Hogenhuis.

O XXIV edición do Festival Internacional de Jazz de Cangas, Canjazz 2021, celebrarase do 22 ao 25 de agosto nas naves de Ojea, con catro veladas repletas de música e un programa cargado de novidades discográficas de altísimo nivel.

O Festival repite emprazamento un ano máis lonxe do Eirado do Costal para poder garantir as restricións de aforo aínda vixentes e contará con dous escenarios, un para os concertos das 22:00 horas e un segundo palco para os concertos de formato máis pequeno, que normalmente tiñan lugar polas mañás en diferentes prazas da vila, e que este ano serán ás 23:30 horas e no mesmo recinto de Ojea como antesala ás tradicionais jam session.

A entrada ao recinto será por orde de chegada, polo que non será necesario reservar prazas, e as portas abrirán media hora antes do inicio dos concertos.

Programación

O cartel do festival comezará o domingo 22 coa presentación de ‘Weird Tales’ do A.O.F Project, banda liderada polo cantante e saxofonista Antonio Otero Fernández. As máis diversas influencias conflúen para darlle vida a unha serie de cancións de carácter ecléctico caracterizadas pola súa liberdade compositiva: jazz, funk, rock e ante todo, a sempre inmensa voz de Antonio Otero.

A continuación soará Cristina Montull Trio, a formación liderada por esta pianista e compositora catalana afincada en Asturias. A personalidade de Montull, a súa sensibilidade e a súa visión integradora de vida e música, imprimen todo o que fai. Cun repertorio creativo e diverso, fuxe das etiquetas e clasificacións pero non agocha os seus referentes como Prokófiev o Charles Mingus, nin influencias como Brad Mehldau, Aaron Parks ou Tom Jobim.

O luns 23 será o turno para a proposta máis internacional desta edición, un concerto a dúo dos holandeses Jesse Van Ruller e Maarten Hogenhuis, presentando o seu próximo disco que sairá á luz en setembro. Por un lado, Van Ruller, sen dúbida un dos guitarristas de maior talento da súa xeración, compañeiro de escenario de artistas como Seamus Blake, Roy Hargrove ou Joe Lovano.

Pola súa banda, o saxofonista Maarten Hogenhuis, galardoado co prestixioso premio musical North Sea Jazz, eríxese coma un dos máximos expoñentes das novas xeracións do xénero a nivel mundial.

A velada continuará con Guillermo Guerrero Trio, formación composta por tres novísimos músicos vigueses (Guillermo Guerrero na guitarra, Juan Alonso no contrabaixo e Juan Guerrero na batería) representantes da nova fornada do jazz galego, cun enorme talento e prometedor futuro.

A noite do martes 24 chegará ‘Incertezas’, último traballo do saxofonista Enrique Oliver, un dos referentes e artistas máis sólidos do jazz estatal. O disco inclúe dous standards e oito composicións propias, material escollido e composto ao longo de cinco anos e un periplo vital por tres cidades: Lisboa, Basel e Málaga.

Seguidamente, unha formación de luxo reunida para a ocasión co contrabaixista Xurxo Estévez ao fronte, o saxofonista valenciano Joan Saldaña, o guitarrista francés Wilfred Wilde e o batería galego residente na Haia, David Puime.

O mércores 25, última noite do festival, a pianista compositora e cantante Lucia Fumero, acompañada polo seu trío, presentará ‘Universo Normal’ o seu novo traballo discográfico que ela mesma define como “unha porta á súa imaxinación”, con temas propios, cheos de vida e aire fresco e cunha profunda raíz no folklore.

Como clausura do festival, subirase ao escenario Humberto Cao Quartet, unha formación de jazz co violín e a voz como principais instrumentos e unha sonoridade que trasladará ao público aos anos 50 do século pasado, tempo no que a melodía xogaba un papel decisivo nestas músicas improvisadas.

Dentro da oferta formativa do Canjazz, esta edición inclúe unha masterclass cos músicos holandeses Jesse Van Ruller e Maarten Hogenhuis que se celebrará o luns 23, ás 16:00 horas no Auditorio Municipal da vila.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *