Foi adxudicado para o presente curso por 199.395 euros. O custe do menú é de 6,33 euros dos que 2,50 son asumidos polo Concello
A empresa Calidus Catering Services SL é a responsable do servizo de catering durante este curso escolar nos comedores dos CEIP Nazaret, A Rúa, O Hío e Espiñeira. O servizo, que comezou a funcionar hai xa uns días, adxudicouse por un coste total de 199.395 euros cun total de 175 días lectivos no presente curso escolar nos que a empresa terá que servir aos usuarios o menú de mediodía. No plego de condicións para a adxudicación valorouse especialmente a variedade de receitas e menús, así como o número de alimentos diferentes dentro de cada grupo.
Un total de 180 nenas e nenos que cursan os seus estudos nos citados centros escolares gozarán este curso do servizo de comedor, cubrindo a totalidade das prazas ofertadas e recollidas no convenio asinado no seu momento entre o Concello de Cangas e a Consellería de Educación, que aporta para o desenvolvemento do servizo de comedor unha partida de 96.120 euros dividida en dúas anualidades, pola que no ano 2022 aportou 48.060 euros e no vindeiro exercicio de 2023 fará unha achega de 32.400 euros.
O prezo diario do menú escolar é de 6,33 euros, dos que 2,50 euros son asumidos directamente polo Concello de Cangas, o que arroxa unha cantidade de 78.750 euros. Unha vez repercutida a aportación autonómica a cantidade restante é asumida polas familias.
Os CEIP Nazaret e A Rúa lideran a oferta de prazas, cun total de 60 en cada centro, mentras que no O Hío e Espiñeira as prazas ofertadas e cubertas son de 30 en cada un deles.
A alcaldesa de Cangas, Victoria Portas, considera fundamental a prestación dun servizo como o comedor escolar xa que é unha das principais garantías que permiten ás familias a conciliación laboral. O departamento de Servizos Sociais xestiona ademáis os casos de especial vulnerabilidade para garantir unha correcta alimentación dos nenos e nenas matriculados nos colexios públicos do municipio.