Consultorio do Hío.

O xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente Prieto, mantivo hoxe unha xuntanza cos representantes dos veciños da parroquia de Hío (Cangas) na que explicoulles a planificación sanitaria do Servizo Galego de Saúde para o Morrazo. Neste senso, o xerente reiteroulles a necesidade de que o Concello de Cangas axilice a cesión pendente dos terreos que permitan a construción no municipio dun novo Centro Integral de Saúde (CIS). Esta infraestrutura sanitaria é fundamental para poder dar unha resposta definitiva á cidadanía de Cangas.

Esta iniciativa, formulada pola Xunta hai xa cinco anos, aínda non puido ser materializada debido á falta de colaboración dos sucesivos gobernos locais na cesión á administración autonómica dos 4.900 m2 de terreo precisos para a súa edificación.

Acumulación de atrasos

O proxecto da construción deste novo CIS en Cangas parte do Estudo de Necesidades Sanitarias para Cangas e Moaña, un documento elaborado en 2018 e que contou coa participación de todos os profesionais das estruturas sanitarias implicadas, así como coas administracións locais, asociacións de pacientes e de usuarios. Neste plan, se contemplaba a creación dun Centro Integral de Saúde, emprazado na zona canguesa de A Rúa, con urxencias de atención primaria con consultas, salas de observación, radioloxía dixital, laboratorio, telemedicina e unha base do 061.

O seu plan funcional contemplaba tamén, unha área integral de rehabilitación con consultas de fisioterapia, cabinas de tratamento, ximnasio e unha sala para rehabilitación cardíaca. Así mesmo incluíanse áreas de odontoloxía e saúde bucodental, de saúde mental, de atención á muller ou de farmacia e espazos para o servizo de Hospitalización a Domicilio ou para a prestación doutras especialidades médicas.

Este proxecto non puido ser levado adiante pola falta de resposta do Concello de Cangas á cesión dos pertinentes terreos, aínda que se seguiron producindo encontros e contactos co fin de chegar a unha solución; un dos máis recentes, a remisión ao concello o 8 de febreiro pasado dun novo Plan Funcional, no que se detallaban aínda máis melloras, como a posibilidade de integrar no CIS unha unidade de hemodiálise con capacidade para 32 pacientes, que evitaría moitos desprazamentos á poboación do Morrazo.

Esforzo na atención

Dada esta situación, e consciente de continuar ofrecendo a pertinente atención sanitaria á veciñanza de Cangas, a Consellería de Sanidade ven de incrementar nos últimos meses a dotación de persoal no Concello, coa dotación dun equipo de enfermaría de atención a domicilio, a incorporación de nutricionista, o incremento dun novo psiquiatra na Unidade de Saúde Mental, así como o aumento da actividade de Radioloxía en horario de tarde, ademais de organizar actividades extras de Fisioterapia cando as circunstancias o requiren, evitando o desprazamento de veciñas e veciños de Cangas a outros centros asistenciais da área sanitaria.

Por outra banda, o xerente da área lembrou a decisión do goberno galego de promover unha lei para poder cubrir sen oposición, por concurso de méritos, as prazas de atención primaria de difícil cobertura. Este mecanismo conseguiu captar o ano pasado unha facultativa para a quenda de tarde do centro de saúde e, neste ano, permitiu convocar outras dúas prazas, unha de medicina de familia e outra de pediatría de atención primaria.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *