Presentación do Samaín na Finca de Briz.

Briz acollerá dentro dunha semana a gran festa de Samaín Briz, para a que se espera unha asistencia de aproximadamente 3.000 persoas. A concelleira de Festas, Marián Sanmartín, avanzou esta mañá como será a programación.

A apertura de portas será a partir das 18.00 horas e media hora máis tarde abrirán as tres rutas de medo: Túnel das Ánimas, Nidos do Terror e O San Martiño. Estes tres percorridos, cheos de susto e de diversión, estarán espallados por distintos puntos da finca.

Nesta ocasión, ao contrario de edicións anteriores, NON será preciso coller un ticket previo para entrar na ruta, senón que bastará con agardar a cola. Desde o Concello, piden aos asistentes comprensión e paciencia, no sentido de que se espera que haxa unha gran aglomeración de xente e pode ser que nalgúns momentos sexa preciso esperar para poder disfrutar das rutas.

Así a todo, estas estarán abertas ata as 22.00 horas, polo que de seguro todo o mundo poderá gozar desta actividade, que se complementará con animación por toda a Finca de Briz, que estará totalmente ambientada con motivos típicos do Samaín.

A partir das 22.30 horas, será o turno do espectáculo “Aninovo Celta”, no Auditorio ao aire libre, e media hora despois comezará a animación musical, que durará ata a unha da madrugada, cando se pecharán as portas da terrorífica (por un día) Finca de Briz.

Desde o Concello lembran que a entrada é totalmente gratuíta e que haberá postos de venda de comida e bebida, así como de artesanía.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *