O recheo e as melloras que o Concello de Vilaboa pretendía levar a cabo na praia do Ostral, na parroquia de Santa Cristina de Cobres, provocou un balbordo entre os veciños e a confraría de pescadores. O material utilizado pola empresa que executaba estes traballos non é o apropiado. Trátase dunha area demasiado fina que coas choivas destes días acabou no mar. Pero non só iso, a súa marcha deixou aos descuberto entullos e restos de obras. Nas últimas horas corren polas redes sociais vídeos gravados polos propios veciños nos que parece pode verse unha especie de lodo, similar ao cemento, provocado pola mestura da terra escura coa auga.
O Concello de Vilaboa, que é o responsable destes traballos, asegura que a empresa que se encargaba destas melloras enganoulle no tipo de material que ía utilizar. O rexedor, César Poza, explicou a Morrazo Noticias que esa area que se botou sobre Ostral non era a acordada previamente e que intención inicial era depositala noutro lugar pero que, finalmente, decidiron utilizala para este areal coa intención de mellorar o seu estado. Con todo, tras comprobar o ocorrido, o goberno local asegura que xa se estaba procedendo a solucionar o problema e que a empresa está a retirar o material.
A confraría de pescadores de Santa Cristina cualifican a area utilizada o pasado xove e venres de «moi mala» e confían en que a area que acabou no mar arrastrada pola choiva non afecte aos bancos marisqueiros.
O BNG xa denunciou publicamente a actuación, cualificándoa de «agresión ambiental». Pola súa banda, o PP trasladou unha listaxe de preguntas ao goberno de César Poza respecto a esta obra. Queren saber, entre outras cuestións, se contaba con autorización de Costas, se había un contrato entre o Concello e a empresa executora ou se existe un proxecto previo.