O Partido Popular critica a decisión do goberno bipartito de Bueu de non buscar alternativas para prestar o servizo de atención psicolóxica, por parte do Centro da Información á Muller (CIM), debido a incapacidades laborais das profesionais adscritas ó Centro.

Este feito quedou demostrado hai uns días, xa que o Concello de Bueu tivo que proceder á devolución de 3.031,50 € ó “non xustificar nin unha soa hora de atención psicolóxica” durante o período correspondente a 1 de abril do 2020 ata 31 de decembro de 2020. Isto aconteceu a pesar de ter concedida unha subvención da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia por valor de 38.722,36 € para 1449 horas de asesoramento xurídico e 467 horas para atención psicolóxica.

Porén, o balance xustificado polo goberno municipal é de cero horas prestadas para atención psicolóxica, un feito lamentable que supón a devolución dunha parte da subvención. Esta situación débese á enorme incapacidade do goberno para cubrir ou substituír as profesionais de baixa, nun ano ademais tan complicado e difícil que nos tocou vivir marcado por unha pandemia que aínda estamos a sufrir e no que un servizo como a atención psicolóxica do CIM debería funcionar de forma correcta e eficiente.

Así, resulta que os que se dedican a criticar constantemente a Xunta de Galicia, afirmando que non lles dan axudas para facer fronte ós gastos dos servizos sociais, son os mesmos que, pola súa ineficacia, obrigan a Bueu a devolver cartos xa ingresados nas contas municipais. As persoas que falan de recortes dos servizos públicos por parte da Xunta son as mesmas que os practican sistematicamente, porque en lugar de buscar solucións ós problemas, tiran sempre pola camiño máis sinxelo, que é non facer nada, deixarse ir e aplicar a lei do mínimo esforzo, deixando de prestar servizos públicos.

Desde o Partido Popular damos por feito xa que o argumento de defensa do bipartito para xustificar este pasotismo será, coma sempre, a Lei Montoro, o PP, a dereita, a ultradereita etc.

Calquera cousa menos asumir eles a súa responsabilidade e as consecuencias dos seus actos, botando balóns fóra como fan día si e día tamén e intentando enganar a cidadanía.

Falar de defender a Igualdade non é cousa de dous días ó ano como parece que cre este goberno, senón que é prestar os servizos necesarios como o CIM dotándoos de persoal, máxime cando se conta con axudas públicas por parte da Xunta de Galicia e do Goberno Central.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *