Cartel ás portas do PAC de Cangas esta tarde.

O servizo de Urxencias de Cangas, que atende aos veciños desta localidade e tamén aos de Moaña desde a pandemia, acumula un problema máis: a baixa dunha médico do PAC desde ás 15:00 horas desta tarde. Segundo informan os propios sanitarios, trátase dunha ausencia que xa estaba programada e que o Sergas, por primeira vez, négase a cubrir, o que deixa ás Urxencias con só dous facultativos dos tres que viñan tendo ata o de agora (dous que xa estaban no centro de saúde de Cangas e unha máis procedente do PAC de Moaña).

Do mesmo xeito que ocorreu no centro de saúde de Moaña a semana pasada, o persoal de Cangas colocou un cartel na porta de acceso ás instalacións para informar os veciños da carencia para que poidan entender os atrasos na atención aos pacientes. Cabe lembrar que este servizo de atención médica urxente xa se atopaba saturado antes desta baixa debido a que as tres médicas tiñan que atender todas as urxencias de Cangas e tamén as de Moaña e, ademais, nas últimas semanas, a aqueles pacientes que a única doutora que atende en horario de tarde en Moaña non poida asumir pola carga de traballo.

De feito, o pasado venres o centro moañés de Concepción Areal estivo toda a tarde sen asistencia médica polo descanso da médico. O propio Sergas informou a Morrazo Noticias que aqueles casos que requirisen de visualización facultativa serían derivados a Cangas ou ben se trasladaría un sanitario de Cangas ata a Casa do Mar de Moaña.

Estes problemas na atención primaria da comarca do Morrazo, e especialmente de Cangas e Moaña, están a dilatarse no tempo e, en consecuencia, a guerra política pola defensa da sanidade pública nesta zona.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *