O luns 30 de maio conmemóranse en todo o mundo o Día Internacional da Esclerose Múltiple. A Asociación de Esclerose Múltiple do Morrazo EMMO levará a cabo unha charla o sábado 28 de maio ás 18:30. Con este acto, orientado á poboación en xeral, preténdese visibilizar esta enfermidade, polo que se realizará na praza das Pontes, en Cangas.
O acto será introducido pola Alcaldesa de Cangas e pola presidenta de EMMO e psicóloga Victoria Portas e María Sanluís, que darán paso ao resto de participantes. Marisol Boubeta (Vogal de EMMO e farmacéutica) mostrará a visión da familia, sendo filla dunha persoa diagnosticada de EM. Marta Giráldez (USC), estudante de 6o curso de Medicina acaba de realizar o seu Traballo Fin de Carreira da man do Dr. Jorge Cameselle, que versa sobre a EM na comarca. Por último, falarán as Neurólogas Elena Álvarez (CHUVI) e Ana Regal (CHOP) especialistas nesta doenza.
Con este acto tamén se celebra o primeiro ano de vida da Asociación EMMO. A Asociación presentouse oficialmente en 2021 cun acto similar na Praza do Concello de Moaña. Neste tempo, EMMO organizou distintos eventos e actividades nos Concellos da Comarca, así como charlas en centros educativos a creación dunha rede de soporte para doentes do Morrazo e contorna.
Pola súa parte, o resto de concellos da comarca súmanse a conmemorar o Día Internacional da Esclerose Múltiple cun alumeado de cor laranxa (cor da EM).