Os concelleiros Antonio Caíña e Hugo González presentaron o evento xunto cos representantes de Gaming Troop. Os Esports, o cosplay e a arte friki serán as protagonistas desta terceira edición, que espera colleitar o mesmo ou máis éxito que as anteriores
Os videoxogos e todo o imaxinario que os arrodea terán o seu epicentro esta fin de semana no Pavillón da Raña, coa celebración da terceira edición do Marín Gaming Fest, un evento por e para os “frikis” deste mundo, que cada vez arrastra a máis persoas e que une tecnoloxía, destreza, arte, historia, creación audiovisual e moitas disciplinas máis.
Os concelleiros Antonio Caíña e Hugo González presentaron a nova edición cos representantes de Gaming Troop, que xa teñen practicamente a programación pechada para o que serán dous días de plena actividade gamer na instalación deportiva marinense.
Algúns dos xogos que se poderán desfrutar no evento, como o Lol, xa rematou a súa prefase online e seguirá coa presencial no evento, con 10 equipos anotados, o que supón 50 persoas xogando in situ en Marín. Outro dos grandes atractivos é o torno de Smash Bros, para o que ata o momento hai 42 persoas inscritas que veñen non só de distintas partes de Galicia, senón tamén de Asturias, Castela e León ou o País Vasco.
Haberá outros tornos ao longo da fin de semana aos que se pode apuntar libremente quen queira e asista ao evento, como de Mario Kart 8, EA Sports FC24 (como se chama agora o antigo FIFA), o Rocket League, Tekken 7, Street Fighter 6 e TeamFight Tactics. Todos estes torneos teñen premio e haberá xogo libre para aqueles que prefiran non competir. Os de Magic serán o sábado e domingo, con partidas libres e iniciación para todo o mundo interesado.
Xogos de mesa, artistas e cosplay
Outro dos atractivos do Marín Gaming Fest e toda a programación paralela aos torneos, como é o mercadiño de artistas, ao que se anotaron 21, ou unha zona de xogos de mesa que terá unha programación moi variada, destacando a presenza de creadores locais, que ensinarán os seus xogos aos participantes.
Ademais, haberá clases de iniciación e demostración de partidos de Jugger, unha disciplina de equipo creada en Alemania basada na película “La sangre de los héroes” e que combina elementos de rugby e esgrima.
O sábado ás 16.00 horas, o talento local será posto por Belén Diz, que dará un obradoiro de retrato a bolígrado, e tamén haberá charlas de autopublicación por parte das artistas Laprislázuli e Anaguchi.
O domingo, o cosplay será protagonista co concurso, que aínda ten a inscrición aberta, e tres charlas relacionadas con este tema impartidas polas propias xuezas do concurso.