Leticia Gallego e o alcalde de Vilaboa anuncian iniciativas parlamentarias para ensanchar o viario, construír beirarrúas e instalar medidas redutoras de velocidade
A parlamentaria socialista Leticia Gallego mantivo hoxe un encontro co alcalde de Vilaboa, o socialista César Poza, no que presentaron iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta a mellora da seguridade na estrada autonómica PO-264, á altura de Paredes e que une este núcleo con Arcade por un viario secundario.
A responsable socialista pediu en concreto o ensanchamento do viario PO-264, a construción de beirarrúas e a conexión peonil entre o trazado da estrada autonómica e a N-550 para posibilitar a conexión coas restantes vivendas e equipamentos ao leste da vila. Tamén propuxo a instalación de varios lombos de asno para reducir a velocidade dos vehículos e mellorar así a seguridade peonil na vila. Estas peticións foron trasladadas en persoa polo alcalde ao xefe territorial de Infraestruturas, que remitiu directamente á Consellería de Infraestruturas, polo que reclama unha xuntaza coa conselleira responsable para darlle traslado da situación de inseguridade que rexistra o dito viario.
Gallego lembra que esta petición tamén fora incluída nunha emenda aos Orzamentos da Xunta para 2023, pero que foi rexeitada polo PP no trámite parlamentario. Tanto a responsable socialista como o alcalde da localidade deron a alarma diante da situación de inseguridade para a circulación tanto peonil dos veciños e veciñas de Vilaboa como do tráfico a través dunha vía que rexistra un incremento considerable do tráfico de vehículos pesados, o que eleva o risco para os viandantes.