Sostén que a única vía legal para correxir as calificacións erróneas de fincas non urbanizables é a través dunha modificación do PXOM
Implementar medidas realistas que garantan o crecemento de Vilaboa e resolvan os erros derivados da actualización do Catastro que variaron a clasificación de fincas rústicas como urbanizables. Esta foi a proposta prantexada polo grupo de goberno na sesión plenaria celebrada onte luns en Vilaboa e á que asistiron máis de medio centenar de veciños e veciñas do municipio. O goberno local abre unha escoita activa coas persoas afectadas para estudar polo miudo cada caso.
Un informe técnico, ao que se dou lectura na sesión, indica que a proposta do Partido Popular de exención do pago de IBI a todas as propiedades que non reúnan a condición de edificabilidade, non se axusta a dereito. A moción contaba por tanto cun informe desfavorable.
O alcalde, César Poza, explicou ás persoas asistentes ao pleno que o único xeito legal de regularizar a situación é a través dunha modificación puntual do PXOM que o goberno local xa ten en marcha coa contratación nos vindeiros días dos traballos. Por eso anima á veciñanza a trasladar ao Concello “todos eses casos particulares que necesitan un estudo individual e que temos que correxir”. Para facelo o Concello ten a disposición da veciñanza un técnico municipal, que tamén se encarga de tramitar o fraccionamento do pago dos recibos.
“Nin mentimos ni vendemos fume, como fixeron outros que so queren utilizar este tema para sacar réditos partidistas. Nós apostamos por unha actualización do PXOM porque é ferramenta e a medida realista que temos para solventar esta situación”, explica César Poza que deixa claro tamén que o obxectivo do goberno local é impulsar o crecemento de Vilaboa, para o que necesita uns ingresos sostibles.
Concellos limítrofes como Cerdedo-Cotobade, Soutomaior ou Cuntis contan con orzamentos superiores aos 4 millóns de euros, moi superior ao de Vilaboa; dato que César Poza considera suficiente para desmentir que “o noso gravamen impositivo sexa superior”. Neste sentido o alcalde recorda que o IBI se mantén conxelados e que o resto de taxas non rexistraron incremento algún nos últimos 4 anos. “Temos un municipio moi disperso, que obriga a extender una inmensa rede de saneamento e auga e un extenso entramado de camiños secundarios e viais que interconectan Vilaboa. É inviable manter os servizos sen uns ingresos anuais garantizados. Nós miramos ao futuro e temos proxectos ambiciosos que transformarán a nosa localidade e para conseguilo era necesaria a aprobación definitiva do PXOM no ano 2019”.