A infraestrutura, presentada ao Plan Concellos, garante a accesibilidade e contará con carteis en Braille
O goberno local de Cangas recurre ao Plan Concellos para instalar un baño púbico, autolimpiable, no parque infantil “Pereiro Francés”, na Alameda Vella; un entorno cercano á pista polideportiva e a unha ampla zona verde que concentra moita poboación tanto infantil como persoas maiores.
A proposta remitida pola xunta de goberno á Deputación cifra o investimento en 42.350 euros, dos que 12.887 serán asumidos con fondos propios polo Concello de Cangas e 29.469 financiados con cargo ao Plan Concellos. “Recibimos numerosas peticións de uso dunha infraestrutura destas características que permita cubrir as necesidades hixiene das persoas usuarias e que complemente e mellore o propio parque infantil. O emprazamento previsto tivo en conta tamén os puntos de conexión”, explica Victoria Portas, alcaldesa de Cangas. Ademáis de garantir a accesibilidade, a instalación contará con carteis exteriores e interiores con
instrucións de uso en galego, castelán e Braille e no que se indentificarán tamén os horarios.
Segundo se recolle na memoria técnica será un aseo autolimpiable para uso mixto, antivandálico, con diámetro de xiro interior de 1800 milímetros para cumprir a normativa vixente de non discriminación e accesibilidade para persoas con mobilidade reducida e que teña unha superficie útil mínima para as persoas usuarias de 5,50 metros cadrados.