O Consello de Contas de Galicia vén de anunciar que abre un proceso de fiscalización e investigación da xestión económica-financeira do Concello de Vilaboa pola existencia de 659.315 euros en gastos sen factura, de difícil xustificación e de moi difícil depuración que se foron arrastrando durante as dúas últimas décadas, segundo informou na xornada de hoxe o grupo municipal do PP de Vilaboa.
Este organismo consultor admitíu a trámite a solicitude da formación popular “ante uns feitos e unhas presuntas irregularidades moi graves que datan de entre os anos 2003 e 2009 e que foron tapados e traspasados sucesivamente polos gobernos socialistas, ano a ano, ata a actualidade”. Neste senso, o Consello de Contas xa comunicou ao PP de Vilaboa que emitirá o seu ditame sobre a xestión económica-financeira do Concello no primeiro trimestre do vindeiro ano 2024.
En concreto, explican dende o PP, esta situación orixínase no ano 2003 cun gasto de 817,47 euros -xusto nun exercicio no que a Alcaldía pasou de mans do nacionalista Xabier Míguez ao socialista José Luis Poceiro- que non contaba coa correspondente xustificación e que, supostamente, non seguíu os procedementos normativos e regulamentarios.
Esa cifra foise elevando, ata o citado ano 2009 e baixo mandato do PSOE, ata os 659.315 euros que, segundo os informes da Intervención municipal, “seguen sen contar cos xustificantes malia os esforzos para a súa depuración e cunha situación que pode derivar en nulidade de pleno dereito”. Así mesmo, engádese que os asentos de contabilidade destes gastos carecen de documento ou referencia,
teñen unha nomenclatura ou denominación pouco clara, esquemática ou confusa e incluso algúns deles aparecen borrados.
E esta situación foise arrastrando co concepto de “saldo pendente” a través de prórrogas económicas en cada exercicio, tal e como consta nas liquidacións orzamentarias dos anos 2020 e 2021, e que o actual goberno non quixo seguir acumulando, polo que optou por zanxala a través dunha “peculiar” modificación de crédito no ano 2022 para financiala con cargo ao remanente de tesourería. Por todo elo, e máis alá do que dirima o Consello de Contas, o voceiro do PP de Vilaboa, Alberto Acuña, xa exixiu ao alcalde César Poza que dera explicacións públicas sobre o manexo das contas municipais, “xa que dá a sensación de que os sucesivos rexedores do PSOE foron pasándose a pelota ata que o actual, ante a presión dos servizos económicos municipais, decidiu tapala co remanente, que non deixan de ser os aforros de todos os veciños, cun absoluto escurantismo e sen que se acrediten debidamente eses gastos e servizos e a posible complicidade cos mesmos dos posteriores rexedores.
Tratase da “conta 555” pagos pendentes de xustificar , no que se acumulan pagos sen xustificar ano tras ano , ata chegar a esta cantidade , o que ocasiona unha situación contable complicada na que esta inmersa o concello de Vilaboa