As cabanas preparadas para a súa apertura en 2022.

A instalación da carpa e os postos comezará esta semana en Paredes completando a ambientación lumínica creada pola asociación Carretera Vella

Comeza estes días en Paredes a colocación da carpa que acollerá o Mercadiño de Nadal de Vilaboa, unha proposta que afronta a súa terceira edición co reto de visibilizar as propostas artesáns de emprendedores locais. Aos poucos días de abrir o período de inscrición a Concellería de Promoción Económica completaba os postos ofertados con peticións locais e cunha reestrutura das casetas para que ninguén quede sen a oportunidade de ofertar os seus artigos en Paredes.

Pintura, xoiería artesanal, esmaltes, complementos en coiro, agasallos feitos a man, alimentación ecolóxica, prendas de segunda man, xabóns artesanais e libros de segunda man serán algúns dos artigos que a partir do 22 de decembro se poderán adquirir no Mercadiño de Nadal, que nesta edición habilita postos fora das casetas para dar acubillo a todas as persoas e entidades de Vilaboa que solicitaron participar. En total serán cinco casetas e dous postos que amosarán o potencial creativo deste municipio rural.

O Concello cede á asociación de veciños Carretera Vella un destes postos para a venta de bebidas quentes e doces de Nadal cos que sufragar parte dos gastos derivados da ambientación de nadal, que confían en que este ano renove a súa capacidade de atracción de visitantes da pasada edición.

O Mercadiño, que contará con iluminación e música para ambientar o entorno, permanecerá aberto do 22 de decembro ao 7 de xaneiro en horario de tarde os días laborais e de mañá e tarde durante as fins de semana e os festivos.

Carmen Gallego, concelleira de Promoción Económica, aposta con esta iniciativa pola visualización do traballo artesanal, como xa fixo noutros eventos e citas lúdicas celebradas ao longo deste ano en Vilaboa.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *