O alcalde fai frente común coas direccións dos centros e anima á matricular no municipio coincidindo co inicio do proceso de admisión
Coincidindo co inicio da reserva de praza nos centros escolares o Concello de Vilaboa pon en marcha unha campaña coa que invita ás familias a escolarizar aos seus fillos e fillas nos centros educativos do municipio. O comezo do proceso de prematriculación e admisión para o vindeiro curso supón sempre un reto para os centros que imparten educación infantil, que en ocasións acusan o descenso de natalidade. Neste vindeiro curso as escolas de Educación Infantil do CPI de O Toural e o CRA de Vilaboa, que conta con centros en Barciela, Bértola, Figueirido, Paredes e Pousada; prepáranse para recibir ao alumnado nado no 2019 co obxectivo de manter a ratio do curso pasado.
O alcalde de Vilaboa, César Poza, fai causa común coas directivas de ambos centros ao defender as vantaxes dunha educación no medio rural, tanto para os nenos de Infantil, como para os de Primaria e Secundaria, estudos que poden cursar no centro do Toural.
Un enfoque multinivel e vivencial, que permite unha interrelación permanente entre o alumnado e unha formación baseada no respeto e o fomento da autoestima convertendo aos alumnos no centro dun proceso educativo inclusivo e igualitario cun concepto no que os espazos exteriores son unha prolongación das aulas. O CPI de O Toural oferta para os alumnos de Infantil e Primaria os servizos complementarios de transporte e comedor escolar.
Para César Poza vivir no rural “na Galiza profunda, solo ten vantaxes” e destaca a importancia de dispor de sete aulas de Educación Infantil situadas en entornos naturais que permitan aos alumnos interactuar co medio.