A pancarta no Concello de Vilaboa polo 25N.

Unha presentación da diagnóse do Plan de Igualdade da cidadanía na Casa de Cultura é o acto co que o Concello de Vilaboa arranca a súa programación vencellada á conmemoración do Día Internacional da Muller. Será hoxe ás 19.00 horas e a concelleira de Igualdade, Carmen Gallego, convida a asistir non só
ás asociacións que participaron neste traballo senón a toda a cidadanía, xa que análise da realidade social e económica de Vilaboa feita desde unha perspectiva de xénero será clave deseñar as políticas activas en materia de igualdade.

Carmen Gallego ten programada tamén a realización de xornadas de formación destinadas ao persoal funcionario e aos grupos municipais que se irán desenvolvendo ao longo do mes de marzo e que forman parte do recentemente aprobado Plan de Igualdade do Concello.

O acto central será mañá, 8 de marzo, data na que o Goberno local dará lectura a un manifesto diante do Concello ás 12. 00 horas no que reiterará o seu firme compromiso coa igualdade. Convida á asistencia a este acto institucional así como á participación nas manifestacións convocadas con motivo da celebración do 8M. “O feminismo, que é axenda, movemento social e teoría política, é a resposta a esa concepción do mundo no que as mulleres son cidadás de segunda categoría. O feminismo é a resposta a esa sociedade patriarcal que se sostivo sobre a explotación e opresión da vida e os corpos das mulleres”, asegura o goberno local.

Este 8 de marzo, dende o Concello destacan, “fronte a quen nega, vulnera e ataca os dereitos das mulleres, o profundo valor democrático que o feminismo supuxo para a liberdade das mulleres en todo o mundo”.

Desde o goberno local consideran que este 2022 “afrontamos un período de recuperación” tras a pandemia da COVID-19, que mostrou as costuras do Estado do Benestar, “deixounos ben visible a desigualdade aínda existente nos traballos de coidado doméstico e a precariedade do emprego feminino. Non existirá recuperación se non é garantindo a igualdade de mulleres e homes, rachando coas fendas de desigualdade laboral, salarial, dixital e na corresponsabilidade”.

O manifesto institucional de Vilaboa fai referencia tamén á “loita contra a violencia machista” situándoa coo un obxectivo principal “político e de cidadanía. Para unha sociedade democrática é inaceptable que as mulleres vivan con medo, ameazadas ou sufrindo torturas”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *