A campaña, centrada nas datas do Nadal, arrancará o 1 de decembro ata o 15 de xaneiro
O Concello volverá apostar polo apoio á economía local neste Nadal. Sabemos que estas datas son de gran consumo e por iso “queremos volver premiar á veciñanza que é fiel á economía local da nosa vila, facendo as súas compras e consumicións aquí, e animar a outros a que o fagan”, explican fontes municipais. Deste xeito, o Concello pon de novo en marcha a campaña de sorteo de 100 tarxetas regalo por valor de 50 euros. Para participar, será preciso realizar compras nos comercios de Marín ou consumir nos establecementos hosteleiros por valor superior a 30 euros, ben cun só ticket ou cunha agrupación de varios, entre o 1 de decembro e o 15 de xaneiro. Estarán exentas as farmacias, gasolineiras e os supermercados.
Os tickets terán que depositarse no buzón que se habilitará na Oficina de Turismo da Praza de España cos seguintes datos no reverso: nome e apelidos da persoa participante, DNI e número de teléfono. Os tickets terán que ser orixinais, “polo que xa avisamos de que se alguén o precisa para devolucións ou garantías, terá que pedir un duplicado”, explican desde o Concello.
O 17 de xaneiro, ás 12.00 horas, terá lugar o sorteo no Salón de Plenos para coñecer aos gañadores destas 100 tarxetas. As persoas agraciadas serán citadas telefónicamente para a recollida das Tarxetas Regalo na Oficina de Turismo situada na Praza de España durante os días 19 e 20 de xaneiro, en horario de 11:30h a 20:30h, confirmando os datos coa presentación do DNI da persoa gañadora. Terán que gastalas tamén na economía local de Marín ata como máximo o 31 de marzo de 2023.