Visita da alcaldesa e a concelleira aos centros educativos.

A axuda para os comedores suporá o pago por parte da Administración de 10 euros por cada neno ou nena, ademais da cofinanciación total nos casos derivados por Servizos Sociais

O inicio do novo curso escolar en Marín volverá supor un importante esforzo da
nosa comunidade educativa para seguir adaptando a actividade lectiva ás
medidas sanitarias vixentes. Aínda que a perspectiva deste curso é moito mellor
ca anterior, segue sendo preciso amoldar as clases e o funcionamento nos centros
á nova normalidade.

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, acompañada dos concelleiros Marián
Sanmartín, Elisa Dopazo e Hugo González, iniciou esta mañá unha serie de visitas
aos centros para compartir cos equipos directivos e os docentes as súas
inquedanzas de cara ao próximo curso.

A alcaldesa adiantou que este ano, de novo, o Goberno local activará as medidas
de conciliación e de axuda económica ás familias que faran uso dos comedores
escolares. Concretamente, cada familia contará cunha subvención de 10 euros por
neno ao mes para facilitar o pago deste servizo e a parte proporcional para os

nenos que van só algún día á semana. Ademais, manterase a subvención
completa do comedor nos casos que sexan derivados por Servizos Sociais.
Os centros educativos que a día de hoxe contan con servizo de comedor
xestionado a través da Fampa, son a EEI O Grupo, o CEIP de Ardán, o CEIP de
Seixo, o CEIP da Laxe, o CEP Sequelo e o Carballal, xestionado este último
directamente pola Ampa do centro.

O primeiro centro educativo que se visitou foi o da Nosa Señora do Carme,
precisamente para coñecer de primeira man a situación do mestrado do centro,
de cara a poder establecer algunha reunión coa comunidade educativa do
mesmo e mostrar a colaboración do Concello.

Melloras nas infraestruturas dos centros

Ademais, a alcaldesa e os concelleiros aproveitaron para visitas as obras realizadas polos centros durante este verán.

No CEIP Carballal aproveitouse para levar a cabo unha mellora da acústica do
ximnasio e no caso do CEIP da Laxe, arranxáronse humidades en paredes e no
chan da Biblioteca, ademais do cambio de ventás.

O CEP Sequelo tamén aproveitou para ampliar a súa Biblioteca e acondicionala e
a EEI O Grupo realizou labores de mantemento no ximnasio e pintou portas. No
caso da Nosa Señora do Carme, acometéronse obras de mellora do patio e en
Seixo reparouse parte do muro exterior.

Pola súa banda, o colexio de Ardán aproveitou para pintar as pistas polideportivas
e renovar algún dos seus elementos, así como para actuar no patio infantil,
mellorando o seu estado.

En total, todas estas obras supuxeron unha inversión de 75.000 euros.

En xeral, Ramallo e o Goberno local desexoulle aos centros visitados unha boa
entrada nun curso escolar que, aínda que será de novo complexo, moi
probablemente poderá abrir a porta a recuperar unha certa normalidade nas
aulas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *