Material para la elaboración de mascarillas.

O Concello aportará o material necesario e unhas directrices básicas para a súa confección

O pobo de Marín leva mostrando a súa enorme solidariedade desde o minuto un da crise
sanitaria polo Covid-19. Unha solidariedade que se viu traducida en doazóns de toda
clase, pero especialmente de material de prevención para aquelas persoas que teñen que
estar na primeira liña e ás que a cidadanía marinense quere agradecer a súa dedicación,
vocación e sacrificio.

Coas novas recomendacións das autoridades estatais e sanitarias relativas á utilización de
mascarillas, foron moitas as persoas que ofreceron ao Concello de Marín a súa dispoñibilidade para confeccionar estas unidades, co obxectivo de que cheguen ao maior número de xente posible.

Ante esta situación e coa finalidade de coordinar toda a axuda, o Goberno local ven de anunciar unha campaña de voluntariado para poder englobar a todas esas persoas dispostas a botar unha man na confección de mascarillas e para poder organizar a novos voluntarios e voluntarias que poidan xurdir nos próximos días.

Segundo explicaron fontes municipais esta mañá, “o Concello encargarase de dotar a
todas estas persoas do material necesario para a confección das mascarillas: tela, gomas, fío… e unhas instrucións básicas para elaborar as unidades”.

Este material será levado ata os domicilios dos participantes na campaña, do mesmo xeito
que serán recollidas as mascarillas que con el elaboren. “Farémolo así porque consideramos que é a maneira máis segura, evitando que se teñan que realizar desprazamentos”.

Unha vez que o Concello conte coas mascarillas, serán esterilizadas seguindo todos os procesos de hixiene e de prevención recomendados polas autoridades sanitarias, e empaquetadas, para finalmente proceder ao seu reparto.

O obxectivo é que estas unidades sirvan para “ese momento de desescalada”, afirmaron,
cando pouco a pouco a cidadanía vaia volvendo, de maneira transitoria, á vida normal, pero mantendo unha serie de medidas de prevención, entre as que estará portar as mascarillas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *