Aproveitando a mellora da urbanización desta zona que se está a executar, dotouse ao tramo que vai da Rotonda das Anclas ao cruce con Vidal Pazos deste novo paso peonil elevado, que mellorará a seguridade viaria
A Rúa Concepción Arenal, no seu tramo que vai da Rotonda das Anclas ao cruce con Vidal Pazos, ganará un novo paso de peóns elevado. Tal e como informou o Concello, decidiuse aproveitar as obras de mellora e humanización desta arteria para engadir este novo paso peonil, xa que en toda esa zona non existía.
Ao ser pedido con posterioridade, ocasionou que se tivera que refacer ese tramo de baldosas para incorporar o pavimento direccional inclusivo que o habilita.
A mellora da seguridade viaria, tanto no calmado do tráfico rodado como na protección das persoas que camiñan, é o obxectivo fundamental das obras que se están desenvolvendo e que agora están chegando á súa recta final.
Ao longo dos pasados meses, executouse a ampliación das beirarrúas para cumprir coa actual normativa de accesibilidade e seguridade, “algo imprescindible, sobre todo nunha zona tan céntrica e chea de servizos como é Concepción Arenal, onde hai centros educativos, paradas de autobús, farmacia, hostalaría, supermercados…”.
Agora, os traballos continuarán co formigonado das zonas adicadas ao estacionamento (tanto no tramo entre a rotonda e Vidal Pazos como entre Méndez Núñez e A Estrada), colocación das xardineairas nos cruces, coa colocación da sinalización vertical e horizontal e a creación dos pasos elevados naqueles lugares onde haberá calmado de tráfico para reducir a siniestralidade.
Ademais, colocaranse reforzos lumínicos nos pasos peonís.