Os concelleiros Pablo Novas e Marián Sanmartín presentaron o evento xunto coa Comisión de Festas e da Comunidade de Montes. Está previsto que se repartan cerca de 4.000 quilos de mazás e 2.000 litros de sidra
Santomé de Piñeiro acollerá esta fin de semana unha das súas festas gastronómicas máis importantes, a Festa da Mazá e da Sidra, que se celebrará do 4 ao 6 de outubro e que foi presentada no Campo da Festa polos concelleiros Pablo Novas e Marián Sanmartín e por representantes da Comisión e da Comunidade de Montes.
A programación arrancará o venres, 4 de outubro, ás 21.30 horas co grupo Claxxon e ás 00.00 co DJ JJ Compota. O sábado, 5 de outubro, as actividades comezarán ás 10.00 horas coa apertura dos postos de venda de sidra, mazás, artesanía… Ás 12.00, será a Xuntanza de Motos Clásicas e ás 15.00 horas poderá visitarse a exposición de maquinaria agrícola, a cargo de Toedo.
Pola tarde, a partir das 16.00 horas xa estarán abertas as colchonetas inchables e ás 17.00, de novo Xuntanza Moteira. Máis entrada á noite, a partir das 20.00, ofrecerase chocolatada de balde para os asistentes e ás 22.00 horas Gran Verbena, amenizada pola orquestra Tattoo e despois o DJ Josinho.
O domingo, ás 11.00 horas haberá Ruta Cabalar. Para participar, será preciso inscribirse nos teléfonos 687 52 94 04 ou 661 20 33 31, con data límite ata o xoves. A sesión vermouth estará amenizada pola Charanga Charandonga para despois iniciar o pregón, a cargo do artista Antón Sobral.
Finalmente, ás 17.00 horas haberá gincanas, carreira de Ponis e Burros, con premios para os participantes. Ás 18.00 horas, haberá concurso de postres caseiros de mazá, con premios para os tres primeiros. A noite estará amenizada polo Dúo Explosión.
Tal e como explican desde a comisión, está previsto que se repartan cerca de 4.000 quiños de mazás e 2.000 litros de sidra.