Esta iniciativa quere seguir afianzando a conciencia medioambiental que está mostrando a cidadanía, que se mostrou voluntaria a raíz do verquido de pellets, que de momento está sendo moi testimonial nas nosas costas, non así o resto de plásticos e residuos

O Concello de Marín convoca para este sábado ás 09.30 horas unha limpeza de praias para loitar contra o lixo mariño, é dicir, todos aqueles residuos que contaminan as nosas costas e que supoñen unha preocupación medio ambiental que aínda está máis posto no foco tras o verquido dos pellets de plástico. Afortunadamente, a afectación deste verquido nas nosas costas está a ser moi testimonial e controlada. Por iso, o Concello organiza esta actividade, xa que a practicamente nula presenza de pellets permite que se baixe aos areais e que se reforce esta concienciación.

A limpeza farase en todas as praias de Marín: Portocelo, Mogor, Aguete, Loira, A Ribeira, O Santo e A Coviña. As persoas que queiran participar na limpeza terán que inscribirse a través do mail de alcaldia@concellodemarin.es, con data límite o venres pola mañá. Crearanse distintos grupos de traballo para cada praia, coordinados en función do número total de persoas voluntarias, ás que se informará o venres ao mediodía de en que praia lles corresponderá limpar e cal é o punto de encontro cos
coordinadores das mesmas.

O persoal do Concello entregará ao persoal voluntario in situ o material preciso para a recollida, consistente en bolsas e luvas, e explicarase o procedemento da xornada. Os residuos que se recollan serán reciclados de xeito selectivo e realizarase un informe dos mesmos, rexistrando a súa tipoloxía e a cantidade recollida praia por praia.

Desde o Concello animan a toda a veciñanza que queira participar a anotarse, aínda que é posible que se se supera o número máximo preciso de voluntarios por praia, haxa xente que quede nunha lista de espera para futuras recollidas que se organicen desde o ente municipal.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *