Portas, no centro, xunto as familias afectadas pola orden de derriba en Nerga.

A alcaldesa reuniuse co director da Aplu, Jacobo Hortas, quen tamén trasladou que desde a Xunta non se impoñerá a derriba ata que non se esgoten todas as vías (administrativa e xudicial)

A pedra está sobre o tellado do Concello. E é que da reunión mantida onte en Santiago entre a alcaldesa de Cangas, Victoria Portas, e o director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (Aplu), Jacobo Hortas, a conclusión que se extrae é que é o Concello, como concesor das licenzas das tres vivendas con orde de derriba en Nerga, o que ten que buscar a fórmula urbanística que as ampare e evite a súa derriba. Unha vía que podería estar, segundo indica Portas, na delimitación de núcleo ao tratarse da vivenda habitual. E nese camiño está a rexedora, que se comprometeu a tratar de atopar esas solucións que despois terán que ser sometidas ao criterio de Costas do estado por estar estas casas construídas en chan da súa servidume.

As xestións terán que levar a cabo con certa celeridade debido a que, segundo informa a Aplu, o primeiro dos tres expedientes (só se falou das tres vivendas de Nerga porque teñen un mesmo nexo común: foron construídas con licenza municipal pero levantáronse nun lugar diferente ao que indicado no permiso) está previsto que a administración autonómica conclúao en outubro. Aínda así, aseguran que non impoñerán ningunha execución forzosa ata que non se esgoten todas as vías: administrativa e xudicial.

Victoria Portas xa solicitou unha reunión coa xefatura provincial de Costas para tratar este asunto e, posteriormente, trasladará os pasos para seguir polo consistorio aos grupos políticos que conforman a corporación.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *