Veciños e Concello apoian a iniciativa que o BNG rexistrou hoxe mesmo para instar á Xunta a humanizar as beirarrúas en todo o tramo do vial que cruza Moaña, aínda que a situación máis preocupante atópase na parroquia de Meira
Pasear polo tramo urbano da PO-551 ao seu paso pola parroquia moañesa de Meira é como retroceder no tempo varias décadas e co risco constante de caída por mor dos afundimentos, buracos, falta de baldosas ou, directamente, ausencia total de beirarrúas. Todas estas trampas son as que teñen que sortear os veciños que, con sorte, poden camiñar sen problema. Para aqueles que teñen dificultade para facelo por problemas de mobilidade ou que requiren dunha cadeira de rodas para desprazarse é totalmente imposible. O mesmo ocorre cando se tenta pasar cun carriño de bebé, tarefa para a que hai que saír concienciado de casa.
Ante esta situación, e despois de tentar de diferentes formas que a Xunta, propietaria do vial, tome cartas no asunto, plantáronse e hoxe veciños e goberno local concentráronse na zona máis afectada, a coñecida como Porta do Sol. A queixa formal chega ao Parlamento de mans do BNG e do deputado moañés Paulo Ríos, que presentou hoxe mesmo unha iniciativa para instar á administración autonómica a que realice unha reforma integral da estrada para mellorar a seguridade dos peóns que a diario se xogan a vida cando, simplemente, tratan de camiñar pola súa rúa. «Isto xa é urxente, necesitamos unhas beirarrúas deste século», demandou Ríos.
Pola súa banda, a rexedora moañesa, Leticia Santos, reprochou á Xunta a «falta de conservación» do tramo urbano da PO-551, e máis concretamente do que cruza a parroquia de Meira por Pórta do Sol, durante o case medio século desde que as beirarrúas construíronse grazas ao diñeiro achegado polos veciños naquel momento. Neste momento, este lugar converteuse nun dos puntos negros do municipio polo seu índice de sinistralidade e atropelos. «Incluíron unha parte deste tramo no TCA de Domaio pero todas as actuacións van en relación ao tráfico, ningunha relacionada coa seguridade das persoas», lembrou Santos, que tamén fixo un chamamento ante a falta de accesibilidade. «En estradas de competencia municipal estamos a facer un esforzo por corrixir eses erros do pasado e nos tramos das estradas da Xunta require que se teña tamén esa sensibilidade», apostilou.
Para Asociación de Veciños Novameira, a través do seu presidente Pablo Piñeiro, «xa é hora de que a Xunta poña a Meira nun status normal como noutros lugares porque ten que pensar que esta estrada é da súa propiedade e se quere entregarlla ao Concello, primeiro ten que arranxala».