A Asociación Sueste solicita colaboración aos propietarios/as de embarcacións para deixar libre o amarre na escolleira que vai dende o A Rambla de Pereira (‘A Ramona’) e o espigón do Fisgón xunto con toda a área de fondeo fronte á escolleira, para facilitar o labor de instalación da pasarela e o pantalán provisional, así como para largar os trens de fondeo que darán servizo as máis de 100 embarcacións inscritas

O vindeiro domingo 1 de agosto, e desde o porto de Muros, iniciará a singradura do convoi ‘Tesa a Escola’, a escuadra de embarcacións de maior porte rumbo ao XV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se celebrará en Moaña entre os días 5 e 8 de agosto. A este grupo de embarcacións procedentes das rías altas, irán sumándoselle as procedentes das asociacións da ría de Arousa e as da ría de Pontevedra para entrar na de Vigo xunto coas embarcacións da Guarda e Bouzas.

A organización está estudando a posibilidade de facer unha recalada en Cangas, para logo armar velas novamente e poñer proa á praia de Moaña, con chegada prevista a última hora da tarde dese mesmo 1 de agosto. Este grupo de embarcacións son as maior envergadura do Encontro: galeóns, dornas nai, pailebotes, dornas, trincados e/ou racús, que veñen desde a ría de Ferrol ou desde o peirao da Guarda. O convoi estará formado por, aproximadamente, unhas 25 embarcacións, que xa permanecerán fondeadas en Moaña para o armado de velas do día 5 de agosto. O resto de embarcacións participantes de menor porte, achegaranse ou ben por terra ou ben por mar desde os portos máis próximos.

Trens de fondeo

Nos vindeiros días van comezar os traballos de instalación dos trens de fondeo para a frota, na área comprendida entre a Rambla de Pereira e o espigón do Fisgón, xunto coa pasarela e pantalán provisional que se instalará na escolleira,
para dar servizo de embarque e desembarque.

Desde a Asociación Cultural e Recreativa Sueste solicitan a colaboración de todas as persoas que posúen embarcacións amarradas na escolleira, para que as retiren provisionalmente ata a finalización do Encontro, co fin de facilitar estes traballos e o movemento das embarcacións tradicionais durante estes días. Ademais, tamén piden a colaboración para que non se realicen fondeos neste lugar, para asegurar o traballo de instalación do fondeadeiro.

A día de hoxe, está confirmada a participación de 96 embarcacións inscritas a través da WEB do Encontro, https://15embarcacionstrad.info/, na que se poden ver cada unha delas e a tipoloxía á que pertencen. A organización agarda que a participación supere a 100 unidades, indo por riba dos participantes inscritos no Encontro da Guarda, polo que este 2º Encontro realizado na ría de Vigo, logo do de Coruxo, será un éxito de participación.

A organización segue a traballar na loxística e en completar o continxente de persoal voluntario. Todas as persoas que estean interesadas en axudar e contribuír ao bo desenvolvemento desta edición, poden inscribirse como voluntarios/as, a través da WEB.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *