A Deputación de Pontevedra aprobou onte destinar preto de 90.000 euros ao Concello de Moaña ao abeiro do Plan +Provincia. En concreto, como explicou o presidente provincial, Luis López, son 40.000 euros para o asfaltado de vías municipais na Cerradiña, Isamil e A Xunqueira e preto de 50.000 euros para a mellora da accesibilidade peonil no Meixoeiro, Vilela e Fontes.
Desta maneira, o Concello mellorará tres viarios municipais situados na Cerradiña (Domaio), Isamil e A Xunqueira (Meira), mediante actuacións de rehabilitación do firme e reforzo da seguridade viaria. As obras inclúen a reparación de afundimentos, fochancas e gretas, a renovación do pavimento, a mellora da drenaxe, a limpeza e roza das marxes, a instalación de peches de protección e elementos de sinalización, así como a reposición da sinalización horizontal. Con estas intervencións aumentarase o confort da circulación e garantirase unha maior seguridade tanto para vehículos como para peóns.
Ademais, mellorará viarios e espazos públicos de Meixoeiro, Vilela e Fontes mediante a renovación dos pavimentos de formigón, a preparación e saneamento das superficies existentes e a adecuación das zonas para facilitar a mobilidade. Ademais da pavimentación, executarase unha nova escaleira en Fontes, habilitarase unha pequena plataforma con mobiliario urbano en Vilela e realizaranse traballos de limpeza, roza e xestión ambiental dos residuos xerados, co obxectivo de mellorar a accesibilidade, a seguridade e a funcionalidade destes espazos mantendo o acceso ás vivendas da contorna.
Luis López lembrou que o Plan +Provincia 2026-2027 está dotado de 85 millóns de euros. “Seguimos avanzando no reparto dos 85 millóns cos que conta este plan, que é unha peza vital para que a nosa provincia siga mellorando e se poidan prestar servizos públicos de calidade”, asegurou o presidente da Deputación.

