Presentación da Feira co goberno e a Protectora no Concello.

O evento terá lugar o sábado 12 e o domingo 13 de decembro, na carpa xunto ao palco da música de Moaña, cun programa de actividades para toda a familia

A Protectora de Animais do Morrazo organiza, un ano máis, a Feira de Nadal, que se celebrará o sábado 12 e o domingo 13 de decembro na carpa instalada xunto ao palco da música de Moaña. Nesta edición participarán máis de dez asociacións e protectoras de animais, unidas pola mesma causa.

Á iniciativa súmanse a Asociación Cadeliños, Canceira de Poio, Colonias Canguesas, Cuencos Solidarios, Difusión Felina, Gatitude, Gatopía Salceda, Patudos Peludos, Proxecto Gato, Rescue Galicia e Tú Eres Nuestra Ayuda. En total, doce entidades que traballan pola defensa e o benestar animal.

A programación inclúe numerosas actividades pensadas para todas as idades: obradoiro de chapas, manualidades de Nadal, xogos, inchable e pintacaras. Os máis pequenos poderán ademais entregarlle a súa carta a Papá Noel, que visitará a feira, e facerse unha foto con el.

Tamén se ofrecerá un obradoiro de primeiros auxilios caninos, cuxas entradas se poñerán á venda proximamente. A oferta complétase cun concerto e cun servizo de comida, doces e chocolate con churros a prezos populares.

A feira busca ser unha oportunidade para achegarse ao labor que desenvolven as asociacións participantes e para compartir unha xornada na que, segundo destacan as organizadoras, a diversión, a solidariedade e o espírito do Nadal van da man.

Desde a Protectora de Animais do Morrazo convidan a veciñas e veciños a acudir «con moitas ganas e ilusión».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *