O Concello de Marín está a realizar o seguemento e control da instalación das atraccións que formarán parte das Festas do Carme, co obxectivo de garantir que todas elas cumpren cos requisitos legais e de seguridade antes da súa apertura ao
público.
Con carácter previo á súa instalación, os responsables das atraccións tiveron que presentar toda a documentación administrativa e técnica esixida, así como acreditar o pagamento das correspondentes taxas municipais. Sen o cumprimento destes requisitos non está permitida a súa ubicación na contorna da Praza de España.
Na xornada de hoxe, a concelleira de Festas, Marián Sanmartín, acompañada polo inspector xefe da Policía Local, Benigno Blanco, mantivo unha reunión na propia zona xunto cos feirantes para estudar a distribución das distintas atraccións, organizando o espazo de maneira que se garanta a seguridade, a accesibilidade e o correcto desenvolvemento da actividade durante as celebracións.
Ademais, o Concello contratou unha empresa especializada en auditoría e control de seguridade, que levará a cabo unha inspección externa de todas as atraccións antes da súa posta en marcha. Esta revisión independente permitirá comprobar que cada instalación se atopa en condicións para o seu uso, que a súa colocación é a adecuada e que toda a documentación obrigatoria está en regra, reforzando así as garantías para a cidadanía.
As atraccións comezarán a funcionar o vindeiro venres, 10 de xullo, a partir das 19.00 horas. Desde ese momento permanecerán abertas durante toda a programación das Festas do Carme ata a celebración do Día do Neno, o 17 de xullo, unha das xornadas máis agardadas polas familias, na que as atraccións ofrecerán prezos populares.

