As autoridades cos veciños de Meiro na presentación da festa.

O recinto de A Morada acollerá do 1 ao 3 de abril degustacións, charlas divulgativas e actuacións musicais

Despois de dous anos suspendido pola pandemia, o lugar de Meiro recupera a próxima fin de semana unha das súas actividades estrela: o XXII Encontro- Degustación do Millo Corvo, organizado polo Concello de Bueu e a Asociación Cultural de Meiro. Este evento, nomeado Festa de Interese Turístico de Galicia, encherá a aldea bueuesa de degustacións, charlas divulgativas e actuacións musicais, co obxectivo de dar a coñecer este produto tan típico e con tanta tradición na zona.

Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Silvia Carballo, concelleira de Promoción Económica e Turismo, participaron hoxe na presentación do evento, que tivo lugar no recinto de A Morada e no que estiveron acompañados de Victoria e Estrella Martínez, directivas do colectivo cultural que leva anos traballando na recuperación do Millo Corvo. Os rexedores locais salientaron “a importancia dun evento que se recupera para demostrar que é máis necesario ca nunca apostar por produtos de proximidade”. Por este motivo, o goberno local considerou que este ano había que asumir un papel máis activo na organización da festa, co fin de que esta se poida celebrar coas máximas garantías tras dous anos de ausencia debido á Covid-19.

Dende a asociación levan uns meses cultivando as dúas fincas coñecidas como Chans e Agrosouto, das que colleitaron o millo co que se farán os produtos para esta fin de semana e que se poderán degustar na Ecotaberna

O venres 1 de abril arrancará o programa coa tradicional Muiñada, que se celebrará ás 18 horas nos Muíños do Canudo. Xa o sábado, ás 11.30 horas, como vén sendo habitual, abrirase a Ecotaberna no recinto da Morada, onde haberá produtos elaborados con millo corvo, como pan, empanadas, ovos con chourizo, e sobremesas como pastas ou bica, ademais dunha cervexa artesá, que é a novidade desta edición. Ás 12.30 horas, Andrés Reboreda impartirá unha charla sobre micro – organismos autóctonos do solo como rexeneradores do medioambiente. Á mesma hora terá lugar a presentación da cervexa elaborada con Millo Corvo, guiada cunha presentación con Marta Galán, mestra cervexeira de Alealé. A mañá rematará cun obradoiro e degustación de Pinchitos mexicanos a cargo de Mercedes Urbiola, e a actuación musical de DARTE, o grupo do conxunto 5 da ETRAD.

Xa pola tarde, ás 17 horas terá lugar a charla “Contaminación na casa” coa bióloga Sara González, seguida do obradoiro de iniciación á cosmética con Carmen Barreiro, outra presentación sobre “O teu fogar como ferramenta de sanación” con Dolores Tobío e Xulio Fernández, e rematarase coa actuación do cuarteto Mediarea.

O domingo volverase abrir a Ecotaberna ás 11.30 horas, cando tamén sairá unha ruta guiada da man de A Illa dos Ratos polos muíños do Canudo, para a que se requirirá inscrición previa no teléfono 611080853. Ás 12 horas, Paolo Benincasa, investigador no Instituto Planck de Física en Múnich, impartirá a charla “O millo corvo entre gastronomía. Historia e Ciencia”, para rematar a mañá coa actuación musical da agrupación folclórica Trompos os pés. A tarde arrancará ás 17 horas cunha mesa coloquio na que representantes das comunidades de montes veciñais conversarán sobre a multifuncionalidade do monte. Outra alternativa é o obradoiro que impartirá Fina Carrillo sobre Encaixe de Horquilla, para dar paso ás 19 horas a Enrique Banet, quen falará sobre o proxecto “Corredores Verdes e agricultura ecosocial”.

Ademais, durante os días da festa proxectaranse os documentais “Rexurdir do Millo Corvo” e “Testemuña dunha tradición”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *