Axentes medioambientais esta mañá inspeccionando a praia de Rodeira.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de ordenar a paralización cautelar dos traballos de explanación que se están a executar estes días na praia urbana de Rodeira, en Cangas, e que afectan a unha superficie importante do areal.

A decisión adóptase no marco da investigación aberta pola Xefatura Territorial de Pontevedra co fin de determinar se estas obras, promovidas polo Concello, afectan a un arbusto incluído no Catálogo galego de especies ameazadas. Trátase, en concreto, da Cytisus Insularis, comunmente coñecida como xesta de Ons.

Precisamente, axentes medioambientais pertencentes ao distrito de Pontevedra Morrazo desprazáronse esta mañá ata Rodeira para facer unha inspección in situ e levantar a correspondente acta administrativa, da que se derivarán as medidas oportunas, sen descartar a posibilidade dun expediente sancionador.

Cómpre precisar que esta praia, localizada en pleno núcleo urbano de Cangas, non está incluída en Rede Natura 2000, motivo polo que, nun principio, non sería necesaria autorización ambiental por parte da Xunta para levar a cabo os traballos.

Non obstante e ante a posible afección a unha especie herbácea catalogada como sensible, a Consellería de Medio Ambiente decidiu ordenar unha inspección e decretar a paralización das obras como medida cautelar e ata que finalice a investigación.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *