Ademais das clásicas escolas para a rapazada, este ano incluiranse varias modalidades destinadas ás persoas maiores de 50 anos, como natación, taichí ou crossfit, entre outras
As Escolas Deportivas Municipais volverán co arranque do curso académico, para poder fomentar e achegar unha ampla oferta deportiva á veciñanza de Marín, desta vez non só para a rapazada, senón tamén para a xente adulta, a partir de 50 anos, que tamén contará con esta opción deportiva municipal.
Aínda que será o venres 2 de setembro cando se faga a tradicional presentación oficial das escolas, o concelleiro de Deportes, Antonio Traba, xa adiantou cales serán as modalidades que se ofertarán este ano, que son:
● Bádminton
● Fútbol sala
● Atletismo
● Taekwondo
● Triatlón
● Baloncesto
● Waterpolo
● Ximnasia rítmica
● Remo
● Pilates
● Ximnasia acrobática
● Vela
● Natación
● Judo
● Fútbol
● Piragüismo
● Tenis
● Boxeo
● Ciclismo-BTT
● Pádel
● Voleibol
● Saltos de trampolín
● Ballet
● Salvamento marítimo
● Paddle Surf
“No caso do volei e dos saltos de trampolín, son modalidades que volvemos incorporar á oferta e que xa se cursaron outros anos, pero as últimas tres disciplinas son novas incorporacións que veñen a engrosar a boa oferta que temos de deportes”, asegurou o edil.
A festa de presentación destas 25 modalidades, tal e como se indicaba anteriormente, será o 2 de setembro na Alameda e no Parque Eguren, a partir das 16.30 horas.
O procedemento de inscrición é o mesmo ca en anos anteriores. O prezo da actividade para o participante será de 50 euros para todo o ano (desde o 1 de outubro ata o 31 de maio), que deberán abonarse directamente ao club ou entidade organizadora, segundo a forma de inscrición establecida por cada un e da que se informará no evento de presentación.
Tamén será neste evento no que se repartan os impresos de inscrición, que tamén estarán a disposición das entidades organizadoras durante o prazo de inscrición, que irá do 5 ao 30 de setembro. Asemade, poderá accederse a eles a través da web do Concello de Marín.
Escolas Deportivas para adultos
As Escolas Deportivas para adultos estarán destinadas a poboación a partir de 50 anos e terán as seguintes modalidades:
● Natación
● Taekwondo
● Ximnasia de mantemento
● Taichí
● Crossfit
Dadas as prazas limitadas que haberá, darase prioridade aos solicitantes de maior idade, xa que o obxectivo é poder fomentar a práctica deportiva e loitar contra o sedentarismo no tramo de poboación de idade máis avanzada.
Estas modalidades tamén serán presentadas na festa do 2 de setembro.