Consultar datos padroais, pagar taxas e impostos municipais, exercer o dereito á participación pública, dar avisos e suxestións, presentar facturas… Todo isto é posible a través de sede.concellodemarin.es

A dixitalización de Marín está cada vez máis avanzada. As novas tecnoloxías son esenciais no día a día das persoas e a forma que temos de relacionarnos entre nós e coas administracións mudou desde a súa integración na nosa vida. Nese sentido, Marín deu pasos de xigante para que a relación entre o Concello e a veciñanza puidese establecerse, tamén, a golpe de click. De aí nace a Administración electrónica da vila: sede.concellodemarin.es, un portal no que poder realizar practicamente todos os trámites básicos para os que antes era imprescindible acudir de xeito presencial á Casa Consistorial.

Pagar os recibos de IBI, IVTM ou o IAE; descargar en minutos un volante ou un certificado de empadroamento ou modificar os datos padroais, solicitar a licenza de uso dun local municipal ou dun espazo da vía pública, rexistrar unha factura para o seu abono, presentar un orzamento, solicitar ou renovar a licenza de animais potencialmente perigosos ou dar de alta á nosa mascota no censo municipal de animais de compañía… Eses son só algúns dos trámites que se poden realizar a través da sede electrónica, facendo apenas un par de clicks.

Desde o Concello, lembran a necesidade de contar cun certificado electrónico para poder operar na sede. O certificado electrónico é a representación dixital dunha persoa física, para podela identificar de forma inequívoca. “Moitas veces, hai persoas ou asociacións que xa se atopan neste punto cun escollo”, explica o tenente alcalde, Manuel Santos. “Por iso, tamén temos activo un servizo para axudar á creación do certificado, un trámite ao que se pode acceder directamente desde a web do Concello”.

Video tutoriais para saber usar a sede

Santos explica que se acaba de lanzar unha campaña de promoción da sede electrónica “para que toda a veciñanza coñeza as bondades da sede, que vexan como o seu Concello dá pasos para ser moderno, dixital e que pensa na súa comodidade para relacionarse coa administración local”.

Ademais da promoción, desde o Concello entende que é preciso facer “formación e divulgación” para aprender a usar esta sede. Para iso, iranse publicando vídeos en formato de vídeo tutorial nos que se ensinen paso a paso as tramitacións máis comúns.

A implantación desta Administración dixital foi posible grazas á cofinanciación do 80% do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea, dentro da estratexia Marín Dusi, cunha inversión superior aos 37.000 euros.

Este xoves, acto de presentación de resultados de Marín Dusi

Aproveitando o lanzamento desta campaña, o concelleiro Manuel Santos anunciou que este xoves a partir das 11.30 horas o Museo Municipal Manuel Torres acollerá o acto de clausura dos resultados da estratexia Marín Dusi, coa que se conseguiron cristalizar actuacións de mellora urbana, social, medio ambiental e dixital para a vila de Marín.

O acto, que ten apertura libre ao público e ao que asistirán representantes de distintas administracións que estiveron implicadas no desenvolvemento das actuacións incluidas na estratexia, contará con tres intervencións:

  • Marín Dusi, un exemplo de xestión dos fondos europeos, a cargo de José Baqueiro, coordinador da asistencia técnica de Marín Dusi
  • O Marín que xa é: do que quixemos ao que conseguimos, a cargo do concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos
  • O Marín que vén: o Centro Sociocultural como punto de inflexión na realidade cultural da nosa vila, a cargo da alcaldesa, María Ramallo
  • Tamén se proxectará un vídeo de recreación 3D do futuro interior do Centro
    SocioCultural.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *