O Concello de Marín xa ten a vista posta na nova edición da Ruta Montes e Praias, que se celebrará o 26 de febreiro de 2023. A concelleira de Turismo, Cristina Acuña, e o presidente do Club de Montañismo Xesteiras, José Francisco Gil Dopazo, estiveron esta fin de semana repasando algúns dos tramos que formarán parte do roteiro.
O obxectivo, tal e como comentou a concelleira, “foi ver en que estado se atopaban, tratando de adecentalos de cara a esta data no caso de que algún camiño estivese pechado pola maleza e para valorar todos os elementos patrimoniais e naturais que se poden achegar á cidadanía a través desta proposta, que tan ben saiu nas edicións anteriores”.
Unha das novidades de cara a este ano será que aqueles que decidan facer a variante máis longa, de 25 quilómetros, poderán pasar pola fervenza do Río Neibó, unha zona de alto valor natural e paisaxístico da nosa vila, menos coñecida ca outras, e que desde o Concello queren poñer en valor. De feito, a concelleira adiantou que se está a traballar “para crear un itineirario de sendeirismo específico que pase por esta zona e que se poida sumar á ampla oferta de roteiros que xa temos”.
No que respecta á pequena, a novidade será atravesar a Escola Naval. O roteiro entrará pola porta de Carlos I e pasará toda a explanada da Escola, para despois sair de novo pola porta de Portocelo.