O grupo municipal do PP de Cangas nun pleno.

Os populares critican que o BNG, PSOE e EU aproben mañá en Xunta de Goberno, de costas á Asemblea, un contrato de 10 anos que emenda a súa propia política de compostaxe e incumpre os pregos

O PP de Cangas denuncia que a adxudicación do macrocontrato do lixo que BNG, PSOE e EU pretenden
aprobar mañá luns é unha nova estafa política aos veciños do Morrazo. A información publicada hoxe en prensa confirma que as présas do BNG por pechar este contrato de dez anos non buscan mellorar o servizo, senón activar canto antes a suba das novas taxas do lixo a partir de xaneiro. Os populares sinalan que os nacionalistas quedan completamente retratados.

Durante anos gastaron enormes cantidades de diñeiro público en impoñer a compostaxe km 0, facendo propaganda co Plan Revitaliza e atacando á Xunta e ao modelo de Sogama. Agora, presumen de despregar contedores marrones con peches electrónicos e tarxetas, mentres recortan drasticamente os compostadores individuais nas parroquias. O BNG eméndase a si mesmo, tira ao lixo anos de gasto público e incumpre a cláusula 6.5 dos seus propios pregos, que obrigaba a priorizar a compostaxe no rural.

Para consumar esta hipocrisía, o goberno de BNG, PSOE e EU escúdase nos estatutos da Mancomunidade para aprobar o contrato nunha Xunta de Goberno pechada, evitando que pase pola Asemblea e impedindo que a oposición poida debater ou votar unha decisión que hipoteca a Cangas durante unha década. Resulta surrealista que digan que non entenden as críticas mentres aplican rodillo político para impoñer un tasazo sen dar explicacións. Ademais, o BNG volve enganar á veciñanza ao dar por feito que o procedemento rematou e que a nova empresa estará funcionando en xaneiro.

O que fixo a Mesa de Contratación é desestimar cuestións previas dunha das licitadoras, pero ese era só un trámite interno. O prazo legal decisivo nin sequera comezou: tras a adxudicación de mañá ábrese un período obrigatorio de quince días hábiles durante o cal non se pode asinar o contrato e calquera empresa pode presentar un recurso especial ante un tribunal independente, o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia. Se se presenta ese recurso, a adxudicación quedará paralizada automaticamente durante meses. O único atranco real para renovar o servizo en Cangas é a teimosía do BNG por sacar adiante un expediente cheo de lagoas.

A propaganda do BNG segue sen responder ás preguntas clave. Non aclara como se van abrir tres oficinas de atención cidadá dez horas ao día cun só administrativo orzamentado —deixando un burato de case 130.000 euros anuais en nóminas—, nin explica quen vai pagar o déficit cando non cheguen os ingresos por reciclaxe inflados nun 66% sobre o que a Mancomunidade recadou realmente o ano pasado. O BNG volve a enganar aos veciños e prepara unha nova estafa que acabará pagando a xente no recibo do lixo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *